Xosé María Arán pasará a ocupar a vicepresidencia nesta nova etapa á que se enfronta a asociación
Carballo / La Voz
Xosé María Arán Rogríguez (Golmar, A Laracha, 1964) exerce como encargado industrial en Conservas Calvo, pero o seu labor de cara a iniciativas sociais é tamén unha parte importante da súa vida. É membro fundador de numerosas entidades aínda que boa parte do seu tempo ocúpao en Vieiro, entidade da que na actualidade, despois dunha fonda mudanza na directiva, é vicepresidente.
-Triste perda a que viviron recentemente na asociación, co pasamento do presidente.
-Si, dende logo. Hai que ter en conta que foron 26 anos os que o presidente [José Manuel Vázquez Gómez] dedicou á entidade. Sobre todo na última etapa, tras xubilarse, pois eran practicamente 24 horas ao día as que destinaba a este labor. Estaba entregado en corpo e alma.
-Dende entón, na entidade están levando a cabo numerosos cambios, mesmo mudando os cargos de responsabilidade.
-Pois renovamos directiva e designáronse novos cargos para darlle continuidade ao proxecto e seguir adiante con todo o programa de acción social. Si é certo que, debido á gran dedicación que tiña, moitos temas levábaos el persoalmente e agora temos que reorganizarnos e asumir novas responsabilidades e tarefas.
-Aínda así, Vieiro segue adiante.
-Por suposto. Continuamos con todas as actividades e servizos que viñamos desenvolvendo até o de agora. El si que é certo que tiña moito dominio e moita información sobre temas de puntos de venda e lugares de narcotráfico, pero a nivel organizativo seguimos con total normalidade. Perdeuse un símbolo, pero Vieiro, como entidade, continúa adiante.
-Agora que xa está iniciado o ano académico, a poboación escolar será un dos públicos aos que máis interese teñen por chegar.
-Si. Comezaremos agora, como vimos facendo dende hai tempo, cos cursos tanto para educación primaria como para rapaces de secundaria. Tamén temos acordos de colaboración con diversos institutos para ofrecer asesoramento ás familias non só en materia de consumo de drogas, senón noutros temas como a xestión correcta dos castigos. O educativo é o primeiro labor que temos en mente, pero máis aló diso levamos todo o verán planificando o que serán as próximas actividades co equipo de traballadores que temos en plantilla, como á educadora que ofrece servizos de orientación gratuítos..
-Neste novo esquema organizativo vostede pasará a ocupar a vicepresidencia. ¿Como afronta esta nova etapa na asociación?
-Pois coas mesmas ganas e ilusión que tiña no 1991, cando a creamos. Co pelo algo máis branco, iso si! Os anos non pasan en balde, pero o bonito disto é que o importante non son os cargos
-Sendo membro e partícipe en tantas entidades sociais, algunha tería que deixar atrás.
-Si, de feito tiven que deixar o Padroado [Fogar de Bergantiños] porque non hai tempo para todo. Ao faltar Pepe recompuxemos toda a xunta directiva e o meu tempo ao final é limitado.
-¿Qué retos se marca para esta nova etapa de traballo?
-O máis importante, ou polo menos un tema absolutamente prioritario para min, é darlle visibilidade ás adicións. Alá polos anos 70 e 80 unha das principais preocupacións dos españois eran as drogas -podíanse ver nas enquisas que sacaba o INE regularmente- mentres que hoxe en día parece que este é un tema que deixou de preocupar á poboación. Porén, o problema segue aí e continúa estando presente en novos formatos e con outras características.
Very interesting info!Perfect just what I was searching
for!Raise blog range