Xa se sabe a famosa frase que os galegos amosamos para dar opinión moitas veces sobre diferentes temas, o importante é ter sentidiño. Pois iso é o que se ten que aplicar na problemática abusiva de alcohol por menores, da mocidade e do resto dos cidadáns.
Porque a lei está aí para cumprila, e sinala que se ten que «definir as características que haberán de ter as estratexias de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, de educación sanitaria e de concienciación, social e das familias, do grave problema xerado polo consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Limitar o acceso dos menores de idade ás bebidas alcohólicas. Exercer o control administrativo desta restrición ao consumo por menores de idade, que aborde tanto a venda e o fornezo como o propio consumo por menores en vías públicas ou establecementos. Establecer limitacións a determinadas prácticas de publicidade, promoción e patrocinio do consumo abusivo. O réxime sancionador. O sistema de información sobre resultados da aplicación da norma. Limitacións horarias á venda nocturna e medidas de control da administración en espazos de dominio público». ¿De verdade estase a cumprir?
O problema é a implantación das leis, o papel pode con todo, pero para levar a bo porto estas disposicións o que fai falta é a vontade de todos. As Administracións, facer cumprir as leis, dotar aos recursos preventivos dos servizos especializados públicos, e do tecido asociativo, capacidade económica para poder desenvolver os seus proxectos preventivos. E tamén facer cumprir a lei no control e sanción, non se poden dar por boas as escenas de consumos masivos en espazos públicos por parte de menores, e moito menos en permitir o consumo e venda en hostalería, supermercados…
Pero non só é a lei e a prohibición o que ten que predominar. Os actores principais para cambiar estas tendencias somos os cidadáns, nos que están tamén incluídos os nosos gobernantes. Mentres non se entenda que é mellor previr que curar, non vai ter nada sentido. Para isto o máis lóxico é a educación, se temos bos profesionais é porque recibiron unha boa formación. Pois se creamos cidadáns, desde cativos, cunha educación integral e preventiva en temas como este, teremos cidadáns con habilidades para encarar as súas vidas dunha forma máis saudable.
Pero non hai receitas máxicas e o que se ten que poñer en valor son as prioridades. ¿Estamos dando os adultos bos exemplos cos nosos comportamentos e actitudes no referente o alcohol? ¿A mocidade ten recursos de lecer nocturno para dedicarse a unha diversión fóra de consumos abusivos para divertirse? Os responsables legais dos cativos dedicámonos a aprender estratexias para axudalos? ¿Pasamos tempo con eles educándoos dunha forma sa?
O máis triste é que moitas veces temos recursos que por comodidade e apatía non utilizamos os adultos para corrixir tendencias, como exemplo as escolas de pais e nais que Vieiro oferta e nas que participa unha baixa parte de nais. «Os pais, nin están, nin se lles espera». Debe ser que a responsabilidade educativa recae só nas nais. Pode ser que esteamos moldeando unha sociedade onde os valores máis elementais non están de moda, e os dereitos e obrigas de capa caída. En definitiva ante a deixadez de obrigas dos adultos na educación dos fillos, deixámoslle esa tarefa á escola, as Administracións, aos amigos dos fillos, aos medios audiovisuais, aos modismos… Ou sinxelamente a Internet a través dos seus asistentes persoais, aos móbiles e outros soportes.
Oxalá que retiremos todo o que non é necesario e fagamos unha sociedade máis sa e responsable entre todos: cativos e mozos.
Comments