Novo estudo da asociación Vieiro no eido escolar, a través do programa “Constrúe”. A entidade xa constatou o uso abusivo das novas tecnoloxías entre os menores, e xa o ano pasado detectou que un 40% dos nenos de Carballo probaron o alcohol aos 8 anos, e facíano coas súas familias. Unha realidade que non muda, como veñen de comprobar a través dun cuestionario realizado cunha mostra aproximada de 600 escolares con idades comprendidas entre os 9 e 11 anos e pertencentes ao concello de Carballo, e do que se extraen estes datos:
TABACO ALCOHOL
IDADE INICIO CONSUMO 7,84 8,1 anos
Nunca o consumín 93,37% 62,88%
Probeino ½ veces 6,32% 34,83%
Consumo 1 vez ao mes 0,31% 1,50%
Consumo todas as semanas 0% 0,79%
Cómpre ter en conta que os datos non son unha reprodución exacta da verdade, e a propia entidade entende que ás veces a presión social dos compañeiros fai que estas enquisas sexan algo sesgadas. Así e todo as conclusións son interesantes.
Comezamos esta análise observando que algo menos da metade do alumnado de 5º e 6º de E. Primaria, probou o alcohol. Con todo, existe unha porcentaxe significativa de menores que probaron a substancia a unha idade aproximada de 8 anos. Tamén detectamos unha pequena porcentaxe que afirma consumila unha vez ao mes.
Segue detectándose o mesmo patrón de consumo que outros anos: en compañía da familia e nun ambiente festivo. Dende Vieiro consideran que «este tipo de actitude permisiva fronte ao consumo de alcohol así como a súa normalización potencia a aparición de futuros consumidores, xa que se tende a repetir comportamentos que se entenden como normais dentro da contorna máis próxima».
No caso do tabaco, a maioría dos encuestados afirma non haber ter contacto coa sustancia, pero do mesmo xeito que no caso do alcohol detéctanse pequenas porcentaxes de menores que o probaron 1-2 veces e ata algúns casos illados que fuman aproximadamente unha vez ao mes. A idade media de inicio sitúase nunha idade próxima aos 8 anos.
Neste caso o patrón do inicio de consumo é diferente ao do alcohol, xa que se fai ás agachadas, só ou en compañía dun amigo ou grupo de iguais.
Conclusión
Á vista destes datos, segue suscitándose a necesidade do labor preventiva que Vieiro realiza de xeito sistemático durante anos nos centros educativos.
«Aínda que os datos obtidos son positivos con respecto doutros anos, seguen detectándose consumos que non deberían existir nesta etapa evolutiva, sobre todo no que respecta ao alcohol, polo que non debemos de descoidar o labor preventiva e a responsabilidade da contorna familiar, social e educativo, alicerces fundamentais no desenvolvemento evolutivo e psicolóxico dos menores», sinalan.
Comments