NOTICIAS: 5.11.2026
«A industria debe tratar aos menores como un colectivo vulnerable e non como meros clientes»
«Temos un problema moi serio coa saúde mental infanto-xuvenil. Manexamos cifras e prevalencias de depresión, de ansiedade, de somatización e mesmo de risco suicida que non teñen precedentes»
FARO DE VIGO: A contorna dixital está a condicionar a autoestima dunha xeración exposta ao «imperio do like». Sobre esta urxencia debateuse hoxe na xornada O benestar emocional na infancia e a adolescencia: entendendo para acompañar, impulsada por Cruz Vermella no marco do proxecto Conta con nós. Nela participou Antonio Rial Boubeta, experto no impacto das novas tecnoloxías na mocidade.
Que mensaxe urxe transmitir nun encontro centrado na saúde emocional dos menores?
Que temos un problema moi serio coa saúde mental infanto-xuvenil. Manexamos cifras e prevalencias de depresión, de ansiedade, de somatización e mesmo de risco suicida que non teñen precedentes na historia. Algo non estamos facendo ben, e iso ten que ver coa educación, co ámbito sanitario e, moi en particular, coa contorna dixital e as redes sociais. Cando a autoestima e a maneira de construírse como persoa dependen do que un publica e do recoñecemento que recibe a través dos likes, caemos nunha tiranía perigosísima.
Levamos anos falando de «nativos dixitais» mentres os datos empeoran. Chegamos tarde ao diagnóstico ou simplemente miramos para outro lado mentras lle poñíamos a pantalla na man?
As dúas cousas. Nunca é tarde cando a necesidade é tan grande, e non hai ben máis prezado que a saúde dos nosos fillos. Pero hai que poñerse as pilas e actuar en comunidade. Os límites, os marcos regulatorios ou as prohibicións poden ser procedentes, pero non son a solución en si mesmos. A saída ten que ser integral: educación, familias e a obriga ineludible de que a industria tecnolóxica aplique a seguridade dende o deseño (safety by design). Deben tratar aos menores como o que son, un colectivo vulnerable, e non como meros clientes.
As discusións na casa xa non son por chegar tarde da rúa, senón polo tempo diante da pantalla. Cando deben saltar as alarmas na familia?
As alarmas saltan se estamos atentos, e «observar» é a palabra chave. Moitas familias pregúntanse como detectar unha adicción, un caso de ciberacoso ou de ciberviolencia de parella. Hai sinais evidentes: cambios a nivel emocional como irritabilidade ou ansiedade; problemas somáticos coma alteracións do sono ou dixestivas; e mudanzas de conduta, de amizades, de gastos ou de rutinas. Os pais non temos que xogar a ser clínicos, pero si debemos recoñecer os avisos para pedir axuda profesional a tempo. E aí é onde o sistema sanitario tamén ten que responder sen demoras.
Moitas familias pregúntanse como detectar unha adicción, un caso de ciberacoso ou de ciberviolencia de parella. Hai sinais evidentes: cambios a nivel emocional como irritabilidade ou ansiedade; problemas somáticos coma alteracións do sono ou dixestivas; e mudanzas de conduta, de amizades, de gastos ou de rutinas
Antes o refuxio dun rapaz era a súa habitación, pero hoxe o móbil traspasa calquera porta. Que impacto ten esa necesidade de validación aos 11 ou 12 anos?
O impacto é menor canto máis se tarde en acceder a ese contacto permanente. Non é o mesmo entrar nese mundo aos 11 que aos 14 anos, e facelo de forma gradual. O fundamental é que esa chegada se faga sobre unha base de competencias humanas consolidadas: unha boa autoestima allea á imaxe ou ao like, empatía, asertividade e pensamento crítico. Casualmente son habilidades que se están deixando de traballar na casa e na escola. Retardar a entrega do mobil permite gañar un tempo precioso para educar, porque hoxe educar é moito máis complexo que hai dúas décadas. Hai que armalos antes de poñelos diante da pantalla.
A prohibición dos dispositivos nas aulas soluciona o problema ou só o apraza ata a hora de saída?
É parte da solución, pero non a solución definitiva. Se retiramos o dispositivo da man dun neno de 10 ou 11 anos reducimos riscos e conflitos durante esas horas, pero iso non chega. En calquera momento vai ter que utilizalo. Co tabaco, co alcohol ou con outras substancias sabemos que existen e que estarán aí: hai que regular e protexer, pero sobre todo hai que educar para que aprendan a dicir «non» e desenvolvan a capacidade de autorregularse.
A prevención familiar é o gran desafío pendente, aínda que non o único. Con todo, non se lle pode cargar toda a responsabilidade ás familias. A principal responsabilidade é dunha administración que non protexe nin acompaña o suficiente
Teñen os pais competencias dixitais dabondo para enfrontarse a este escenario?
En absoluto. A prevención familiar é o gran desafío pendente, aínda que non o único. Con todo, non se lle pode cargar toda a responsabilidade ás familias. A principal responsabilidade é dunha administración que non protexe nin acompaña o suficiente, e que non obriga ás plataformas a deseñar pensando nos danos que provocan. Hai empresas que prefiren pagar multas porque lles sae a conta e mesmo xeran correntes de opinión para branquear o impacto das súas ferramentas. É unha loita desigual, como mandar ao Valladares ou ao Alondras xogar contra un equipo de Champions League. Por iso a administración ten que intervir. O foco debe cambiar: levamos anos preguntándonos que fan os nosos fillos nas redes, cando o que de verdade importa é que están facendo as redes cos nosos fillos.
Cales son as claves para repartir esa responsabilidade?
Eu resúmoo nunha regra básica de catro piares: HAPE. Ás familias hai que pedirlles un mínimo de hixiene dixital, que o móbil non vaia a clase todos os días nin durma na habitación, e predicar co exemplo. Á escola, alfabetización dixital no seu ADN, vencellada aos valores humanos. Á administración, protección real e valentía para aplicar a norma. E á industria, ética dixital, con menos negocio e máis responsabilidade.
A uns pais desbordados, cal é o primeiro paso que lles recomendaría dar hoxe mesmo?
Entender que non todo está perdido. Na miña horta semento eu, sacho eu, rego eu e abono eu; se hai constancia, cariño e valentía, a colleita adoita ser boa. Hai pasos inmediatos como atrasar a entrega do primeiro teléfono canto sexa posible para que o neno estea máis maduro; implantar hixiene dixital sen pantallas na habitación durante a noite nin móbiles innecesarios nas aulas; e blindar os espazos comúns da casa. Comer xuntos, pasear ou conversar sen pantallas polo medio reduce os conflitos á metade. Aí é onde os pais si temos marxe de manobra.












Comments