
A CMAT reuniu no Parador a institucións, empresas e entidades sociais e nomeou Embaixador da Costa da Morte ao xornalista e delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras
18 nov 2026 . Actualizado a las 10:57 h.
Con proclamas sobre a unidade, o traballo colaborativo e a necesidade de rachar coas individualidades, acolleu onte o Parador de Muxía a sexta edición do Encontro de Turismo da Costa da Morte, unha cita impulsada pola CMAT que reuniu a douscentos representantes de institucións, empresas e entidades sociais co obxectivo de compartir os avances do sector e reflexionar sobre os desafíos de futuro.
«Os retos que temos por diante non entenden de límites municipais, e por tanto, tampouco deberíamos abordalos de maneira individual», sinalou o presidente da CMAT, o rexedor larachés José Manuel López, nunha quenda de intervencións institucionais na que tamén tiveron voz Encarna Rodríguez, subdelegada do Goberno; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, e Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia. Este último aproveitou para avanzar un dato durante moito tempo agardado: o número de peregrinos que chegan a Fisterra e Muxía. Froito dos contadores instalados en distintos puntos, pódese saber que nos primeiros dez meses do ano chegaron á comarca 87.500 peregrinos. «Despois do francés, do portugués e do portugués da costa, será o Camiño con máis peregrinos este ano», avanzou.
Un dos momentos centrais do acto —que contou coas melodías do dúo Caamaño&Ameixeiras— consistiu nunha homenaxe colectiva ás entidades de inclusión social, ás cales a CMAT quixo recoñecer polo «traballo que desenvolven» e pola súa «contribución á construción dun territorio máis inclusivo e accesible». Margot Lamela, rexedora ceense e vicepresidenta da entidade organizadora, foi a encargada de presentar este recoñecemento, outorgado a Afafes, Afaber, Apem, Aspadex, Aspafin, Un Paso Máis, Cruz Vermella, Paseniño, Vieiro e Íntegro. En representación de todas elas falou Adolfo López, presidente desta última. Na súa intervención, Adolfo recalcou a necesidade de visibilizar o traballo das asociacións, e subliñou a necesidade de seguir traballando cara unha Costa da Morte na que todas as persoas poidan participar e gozar das oportunidades e recursos do territorio.

Entidades sociais recoñecidas pola CMAT durante o encontro celebrado en Muxía ANA GARCÍA
Para botar a vista atrás e analizar os resultados das accións desenvolvidas ao longo deste ano, o acto contou coa participación da asistencia técnica da CMAT, personificada en Marta Baños, e co responsable de APTCM, Pepe Formoso, que achegou a perspectiva das empresas e dos profesionais que traballan diariamente no xeodestino Costa da Morte.
Con este encontro, celebrado no mesmo recinto que aquela primeira edición do 2021, a CMAT «reafirma a súa aposta por manter un espazo de encontro que contribúa a estreitar relacións, compartir iniciativas e avanzar nun proxecto turístico común», expresaron dende a entidade.
«Tamén se constrúe territorio contando boas historias»: Xosé Ameixeiras, novo embaixador
Pola súa longa traxectoria xornalística e polo seu incansable compromiso co territorio, como describiu José Manuel López Varela, este ano o recoñecemento de Embaixador da Costa da Morte recaeu en Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo. «Tamén se constrúe territorio contando boas historias», dixo del a subdelegada do Goberno, se ben o vicepresidente provincial describiuno como unha persoa «que representa moitísimo» para a comarca.













Comments