Desde a Asociación Vieiro queren conmemorar este venres 26 de xuño, «Día Internacional da loita contra o uso indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas», con recomendacións e información de utilidade. En 1987, a Asemblea Xeral da ONU decidiu establecer este día para dar unha mostra da súa determinación en fortalecer as actividades necesarias para alcanzar o obxectivo dunha sociedade internacional libre do abuso de drogas, e de conformidade coa recomendación da Conferencia Internacional sobre o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas.
A Organización das Nacións Unidas busca con este día fortalecer as actividades necesarias para alcanzar o obxectivo dunha sociedade internacional libre do abuso de drogas, onde a acción dos gobernos e da sociedade enteira é indispensable.
O tráfico e o uso indebido das drogas representan un gran obstáculo para o desenvolvemento. O consumo de drogas carrexa numerosos riscos para a saúde e a atención aos toxicómanos adoita ser insuficiente.
As dúas principais axencias da ONU encargadas de loitar contra o tráfico de drogas son:
* A Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito ( ONUDD) Dispoñible en inglés é o líder mundial na loita contras as drogas ilícitas e o crime internacional. O mandato da ONUDD deriva de varias convencións e resolucións da Asemblea Xeral.
* A JIFE é o órgano de fiscalización independente e case xudicial encargado de vixiar a aplicación dos tratados de fiscalización internacional de drogas.
* Vieiro quere facer as seguintes reflexións globais que son tamén realidade na nosa contorna:
Evolución do mercado de drogas
O cannabis segue sendo a droga máis consumida a escala mundial. Cultívase en case todos os países do mundo e calcúlase que entre 130 e 190 millóns de persoas fúmana polo menos unha vez ao ano, aínda que estes parámetros non son moi ilustrativos desde o punto de vista da adicción.
Mentres que o mercado dos opiáceos e da cocaína segue diminuíndo, o consumo de drogas sintéticas está en aumento. Estímase que o número total de persoas que consomen estimulantes de tipo anfetamínico – aproximadamente entre 30 e 40 millóns – superará pronto ao número de consumidores de opiáceos e cocaína xuntos.
Riscos para a saúde
O uso indebido de drogas é un dos vinte principais factores de risco para a saúde a nivel mundial e un do dez máis importantes nos países desenvolvidos. Os problemas derivados do consumo de drogas asócianse co risco, cada vez maior, de que aparezan outros problemas de saúde como o VIH/SIDA, a hepatite, a tuberculose, o suicidio, a morte por sobredose e as enfermidades cardiovasculares.
En numerosas rexións, o consumo de drogas inyectables é unha vía frecuente de transmisión do VIH/SIDA e da hepatite. Ao redor de 3 millóns de consumidores de drogas inyectables son seropositivos. Deixando ao carón África Subsahariana, o 30% dos casos de infección de VIH débense ao consumo de drogas inyectables.
Riscos para os mozos
Os adolescentes e os mozos son especialmente vulnerables ao uso indebido de drogas. O consumo abusivo de drogas deste colectivo é mesmo máis de dúas veces superior ao de todo o resto da poboación. En ocasións dáse unha forte presión exercida polas persoas da súa contorna que lles incita a experimentar con drogas ilícitas, e a isto adoita sumárselle unha autoestima baixa. Ademais, polo xeral, os mozos que consomen drogas non dispoñen de información, ou non a suficiente, sobre os riscos que iso entraña para a súa saúde.
Atención aos toxicómanos
A atención aos toxicómanos é a miúdo insuficiente, especialmente nos países en desenvolvemento. A Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito recomenda un tipo de atención centrado na saúde, non na represión. Por tanto, o tratamento da toxicomanía debería incluírse dentro dos servizos sanitarios primarios.
Narcotráfico
É un capítulo á parte do que significa esta secuela, son recentes na nosa zona as últimas detencións por este asunto, pero non é máis certo que as drogas seguen a distribuírse en infinidade de sitios na nosa comarca e especialmente a nivel menudeo, mostra de que o número de consumidores é elevado por iso a existencia da demanda. O fácil acceso a elas fai que a súa venda este a ser unha fonte de ingresos por veciños que non teñen reparos en mercadear á conta da saúde doutros.
Cabe destacar que tanto historicamente como actualmente a nosa comarca segue a ser unha plataforma para a descarga e distribución, tanto para consumo local como para distribuír fóra da nosa contorna.
Felicitar ás forzas de seguridade polos últimos operativos, pero queda moito por facer e sobre todo por parte das autoridades con competencias en seguridade, dotar aos seus efectivos de medios tanto persoais como técnicos para canalizar as investigacións e conseguir mellores resultados.
Temos que actuar en varias vertentes, a distribución a media e gran escala; esta necesita constancia, medios importantes e recursos. Tamén unha coordinación das forzas locais e do estado no ámbito da seguridade cidadá para erradicar a distribución e venda de baixa intensidade que está a campar por infinidade de sitios e portais dos nosos pobos. Así como os consumos grupais.
As metas
As familias, as escolas e as comunidades desempeñan un papel crucial, especialmente ao apoiar ás persoas mozas que poden verse afectadas polo uso indebido de drogas con consecuencias terribles e duradeiras. Traballemos coa mocidade e para a mocidade a fin de previr o consumo de drogas e axudar ás novas xeracións a levar unha vida máis sa e a elixir o seu camiño con forza e resiliencia. Desde a percepción local e comarcal Vieiro quere facer unha chamada de atención á cidadanía, xa que o problema das adiccións está a ser percibido como un risco menor, cando a realidade é todo o contrario.
Outro aspecto destacable é a concienciación da sociedade que non ten unha percepción de risco no relativo ás drogas, é o momento de maior implicación e pasar á denuncia de consumos e distribución de drogas, co apoio de todos e todas facilitaremos o traballo aos corpos de seguridade do estado.
Mentres as leis sexan as que son é deber do cidadán contribuír ao seu cumprimento, pero sobre todo é un deber moral e solidario contribuír a aniquilar esta secuela en beneficio da nosa sociedade. Vieiro segue ofrecendo a súa canle de denuncias en:
www.vieiro.org
vieiro@vieiro.org
Whatsapp 646787042
Teléfono 981756161
Comments