SANTIAGO, O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe a xuntanza anual coas entidades sen ánimo de lucro que asinan convenios coa Xunta para o desenvolvemento de programas de atención á saúde mental e trastornos aditivos, aos que a Administración destina este ano 6,2 millóns de euros.
Entre eles está o convenio asinado coa Asociación Andaina ProSaúde Mental, que ten por obxecto poñer en marcha, por primeira vez, un Programa de intervención no domicilio no ámbito rural nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar. Esta iniciativa incluirá o diagnóstico e a atención individualizada por un equipo multidisciplinar e por un profesional de atención sociosanitaria que atenderá ao paciente no seu fogar. Traballarase, así mesmo, na súa integración na comunidade a través da información sobre recursos comunitarios, administrativos e socioeconómicos.
Neste eido, o modelo de atención á saúde mental de Galicia prioriza a atención na comunidade e a integración social do enfermo e leva a cabo programas de achegamento á poboación xeral e en especial de non discriminación deste colectivo.
Ademais do acordo con Andaina asináronse convenios coa Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade, a Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, a Federación de Alcohólicos Rehabilitados de Galicia (Farga), a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes Galicia) e a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps). En total, no eido da saúde mental, destínanse 328.149 euros aos proxectos desenvolvidos por estas entidades, dos que se benefician arredor de 4.640 persoas. Neles inclúense iniciativas dirixidas á inclusión de pacientes con trastornos mentais severos, á formación dos profesionais e á abordaxe integral e precoz da enfermidade mental, entre outras.
Trastornos aditivos
No eido dos trastornos aditivos, o Sergas dedica 5.500.144 euros a convenios de colaboración con nove asociacións. Neste marco, renováronse os acordos coa Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga (Alborada), a Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga da Coruña (Aclad), a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) e a Asociación Cruz Vermella de Lugo para o desenvolvemento de programas de atención a persoas con trastornos aditivos relacionados con dependencias non alcohólicas.
Pola súa banda, coa Fundación Monte do Gozo conveniouse a realización dun programa de tratamento e rehabilitación, en réxime de comunidade terapéutica, da dependencia alcohólica; e do programa terapéutico-educativo Proxecto Home de atención e rehabilitación de drogodependencias en Galicia. Ademais, para a atención ambulatoria ás dependencias relacionadas co alcohol, tabaco, xogo e outras adiccións sen sustancia asináronse acordos coa Asociación de Exalcohólicos Luis Miguel Morás da Coruña, a Asociación As Burgas de Ourense, a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra e a Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal).
O pasado ano 12.000 pacientes recibiron atención nos dispositivos conveniados para a atención sanitaria ao uso de sustancias ilegais. A rede de asistencia aos trastornos aditivos complétase cos recursos hospitalarios de desintoxicación, as unidades de alcoholismo dependentes dos servizos de Psiquiatría e as 13 unidades asistenciais de drogodependencias dependentes dos concellos e financiados, a través doutro convenio complementario coa Fegamp, por un valor de preto de catro millóns de euros.
Incorporación social e colectivos con necesidades específicas
No que atinxe aos programas de incorporación social e atención xurídico social, a Consellería de Sanidade renovou a súa colaboración coa Asociación Vieiro, a Asociación ATOX, a Asociación ALIAD, a Asociación Antonio Noche, con Rexurdir Provincial, coa Fundación Érguete Integración e a Asociación Renacer. O seu obxectivo é desenvolver programas para prestar unha atención integral ás persoas con trastornos aditivos e problemática social engadida prestando axuda técnica a xuíces e fiscais sobre a realidade social, persoal e familiar.
Neste eido, ao que se dedican 356.638 euros e do que se benefician unhas 1.100 persoas, rubricouse tamén un convenio específico coa Fundación Érguete Integración para o desenvolvemento do programa Itínere de seguimento e atención ás persoas con tratamento tras unha pena privativa de liberdade. O seu ámbito territorial esténdese ás institucións penitenciarias da Lama, Pereiro de Aguiar e Teixeiro, e os centros de inserción social Carmen Avendaño en Vigo e na Coruña.
Por último, asináronse convenios coa Federación Galega de Asociacións de Familiares de Alzheimer (FAGAL), e Federación de Autismo de Galicia e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) que teñen arredor de 2.340 beneficiarios e un orzamento total de 100.812 euros. A través deles búscase mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e os seus coidadores e a atención prestada aos trastornos do desenvolvemento e a atención psicoxeriátrica.
Comments