Hemeroteca

Dalila Vizcaíno: «Creo que moitos rapaces reaccionan coas sesións de Vieiro»

0
Dalila Vizcaíno, onte mesmo, no instituto Parga Pondal carballés ANA GARCIA

NOTICIAS: 03.02.2021

Dalila Vizcaíno: «Creo que moitos rapaces reaccionan coas sesións de Vieiro»

Alcohol, drogas, novas tecnoloxías ou redes sociais son algúns dos aspectos que está a tratar con estudantes na vila carballesa. Dalila é pedagoga, parte da asociación Vieiro

Dalila Vizcaíno, onte mesmo, no instituto Parga Pondal carballés ANA GARCIA

PATRICIA BLANCO
CARBALLO / LA VOZ 

Dalila Vizcaíno Regueira (Carballo, 1990) coñeceu o traballo que facía a asociación Vieiro nos centros educativos cando aínda era unha alumna do instituto Alfredo Brañas. Logo cursou Pedagoxía en Santiago e acabaría nesta entidade facendo as súas primeiras prácticas de carreira: puido coñecer dende dentro o seu funcionamento. Aínda vivía entón José Manuel Vázquez Gómez. Dende o curso 2018/2019, Dalila forma parte de Vieiro e actualmente encárgase de impartir, entre outras, as sesións do programa Non pasa nada, pasa algo?, sobre os efectos e consecuencias do consumo de drogas. Di estar moi contenta e cómoda, coas cuestións que trata e cos rapaces tamén. Non é este o único taller que Vieiro ten en marcha para escolares. A entidade ofrece, ademais, a opción Xogo Limpo para clubs deportivos.

-Mellor falarlles aos mozos das cousas que tratar de ocultalas, facendo das drogas un tabú.

-Si. Teñen que saber o que hai e, é máis, teñen moito interese. Preguntan, gústalles falar destes temas, queren que lles expliques por que si, por que non. Moitos din: «Vale, dinme que está mal, prohibido, pero por que?». Tratamos de amosar que pasa se o probas, se consumes, se non é só saír un día de festa e tomar unha calada ou beber. Un dos días que falamos do alcohol explicámoslles como terían que reaccionar no caso de que se atopen cunha persoa en situación alcohólica grave, incluso rozando o coma etílico. O que máis e o que menos, queda en silencio, con cara de «en serio pasa iso?». Moitos reaccionan con estas charlas. O que máis me gusta a min é a súa curiosidade. Este curso estou en terceiro e cuarto de secundaria, o último ciclo da ESO, son rapaces con 14, 15 ou 16 anos. Nótase moito o paso dun ano á hora de falarlles, de explicar. Hai un ti a ti.

-Apreciarán que vostedes sexan tamén persoas aínda mozas.

-Vente máis preto. Logo atópanse contigo pola rúa, saúdante, coñécente… Eu tamén teño amigos, eu tamén saio, así que sempre lles digo que se queren vir preguntarme algo, adiante. Intento que non me vexan como unha persoa que vai a contarlles alí unha teoría sen máis e logo marcha.

-Ten tratado máis cuestións ca o alcohol e outras drogas?

-Normalmente sempre fixen o programa de habilidades sociais (empatía, autoestima…), abordando ademais novas tecnoloxías e adiccións. Era máis completo, con máis sesións, pero agora co tema covid é máis dificultoso levalo a cabo nos centros. No último ciclo da ESO do Parga Pondal están agora con Non pasa nada, pasa algo?, e máis Mar de redes.

-Sobre novas tecnoloxías?

-Si, e redes sociais. Como nos afectan, que deberiamos facer para non atoparnos con problemas… Tratamos tamén o tema xogo.

-Cambiou a vida para eles?

-As novas tecnoloxías cambiaron a vida, na maior parte das veces, para mellor, para axudarnos. Pero en ocasións os rapaces teñen un exceso de información que, por idade, quizais non saben filtrar. Está todo a un clic, pero é importante dicirlles que non todo é verdade, que hai que contrastar, mirar varias veces… A veces, ademais, son confiados. Ven un que ten moitos seguidores en Instagram, por exemplo, e así o queren tamén. Pero teñen que pensar quen está detrás dun perfil: non todo son boas intencións. Dun tempo a esta parte vemos tamén que as horas que se lle dedican a redes e novas tecnoloxías son practicamente todas: ata lles restan tempo de descanso.

 

-Tamén hai adultos con dependencia do Facebook, por exemplo.

-Houbo xente que viu as redes como unha vía de escape. Contacto con xente que non coñeces, con xente que hai tempo que non ves… e ao final engancha. Como me din os rapaces, Facebook agora xa non é para os adolescentes unha rede moi utilizada. Demandan máis Instagram ou TikTok. «Facebook es para los viejos, Facebok lo tiene mi madre», dinme.

-Chégase a crer que a realidade está aí, nas redes. Todo perfecto…

-Iso lles digo eu, que se verdade cren que unha persoa se levanta con cara e pelo perfecto, que nunca se lle queiman as tostadas e ten sempre o aguacate que nin está verde nin maduro. Rin, pero no fondo saben que é así, que hai días nos que as torradas se queiman, nos que o aguacate non está no punto e días nos que almorzas leite con ColaCao. Esa xente non amosa as horas que pasan sós, ou o que supón vender perfección continuamente. Os rapaces cren que estas persoas teñen todo o que queren, regálanlles moitas cousas, pero eu pregúntolles a cambio de que, case a cambio da vida, dunha entrega absoluta 24 horas e sete días? De que serve ir de viaxe se tes que ensinar a todo mundo que viches, que fixeches, ou ir gravar a saída do sol ás cinco da mañá?

 

-Co confinamento aumentaron adiccións, como o xogo?

-No Mar de redes tratamos tamén videoxogo e xogo de azar. Si que vemos que aumentou bastante. Vieiro, de feito, colaborou o ano pasado coa facultade de Psicoloxía de Santiago para pasar unha enquisa, porque estaban estudando precisamente que cada vez é menor a idade na que se empeza con estas cuestións.

Fuente: La Voz de Galicia

Comparte esto:

Cádiz pide el indulto para un narco arrepentido

Entrada anterior

PRENSA 03.02.2021/LAS VOZ DE GALICIA: “Creo que moitos rapaces reaccionan coas sesións de Vieiro@

Siguiente entrada

También te puede interesar

Comentarios

Los comentarios están cerrados.

Más en Hemeroteca