O edificio das entidades sociais de Carballo presidirá unha nova praza de mil metros cadrados
A terraza do inmoble contará con amplas terrazas comunitarias
A última planta dedicarase integramente ao Centro de Información á Muller

Os arquitectos Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, explicando os detalles do proxecto. / Cedida
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, presentou o proxecto arquitectónico do edificio municipal de entidades sociais. Os arquitectos redactores do proxecto, Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, de LCG Estudio de Arquitectura S.L.P.A., foron os encargados de explicar os detalles da proposta aos representantes das asociacións que ocuparán as instalacións.
A construción deste complexo estratéxico será financiada integramente pola Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 7,8 millóns de euros.
O proxecto non se limita a propor un inmoble administrativo, senón que concibe a infraestrutura como un espazo público aberto á cidadanía e integrado na contorna urbana.

Boceto do futuro edificio das entidades sociais de Carballo. / Cedida
Deseñado baixo os máximos estándares construtivos e de eficiencia, o inmoble destacará polos seus acabados de alta calidade e un enfoque de espazo flexible, capaz de adaptarse ás necesidades cambiantes das entidades no futuro.
Urbanisticamente, o complexo conectarase co tecido da vila, xerando espazos complementarios de transición, como unha praza pública de mil metros cadrados, concibida como unha infraestrutura verde, ou patios exteriores.
O edificio articularase a través dun acceso xenérico en planta baixa e distribuiranse os seus usos de forma eficiente e accesible aproveitando a topografía e as diferentes frontes das rúas.
A planta baixa (que terá acceso pola rúa Vázquez de Parga/Darwin), albergará un gran espazo multiúsos e de conferencias, un patio central de luces e as instalacións do centro de día para doentes de alzhéimer (que disporá de salas de rehabilitación, psicoloxía e atención).

Boceto dunha das terrazas do futuro inmoble. / Cedida
A planta semisoto, á altura da rúa Méndel, grazas ao desnivel do terreo contará cun acceso independente para o centro loxístico, os almacéns xerais e as dependencias de Cruz Vermella.
As plantas superiores (torres e espazos comúns) dedicaranse integramente ás salas para as asociacións locais. O volume dividirase en dúas estruturas verticais. Unha delas agrupará os espazos comúns do centro, e a outra os espazos individuais, adaptables ás necesidades presentes e futuras das entidades.
A última planta corresponderá en exclusiva ao Centro de Información á Muller, que contará cun espazo de privacidade e atención especializada. As plantas superiores conectarán con amplas terrazas comunitarias.
“Coa posta en marcha deste proxecto, Carballo non só unifica e dignifica o espazo de traballo das súas entidades sociais, senón que gaña un novo fito arquitectónico dedicado integramente ao benestar comunitario e á calidade de vida da veciñanza”, sinalou o rexedor.













Comments