PRENSA: 24.12.2022
A Asociación Vieiro dá a coñecer o balance correspondente ao ano 2022 do servizo de Información, Atención e Asesoramento que ofrece axuda sobre calquera aspecto relacionado cos problemas derivados de condutas adictivas e o seu tratamento. Os datos proporcionan información relevante sobre o número de persoas atendidas, o motivo da demanda, o perfil xeral, substancia de consumo, centro de derivación e datos disgregados por sexo.
As persoas que demandaron orientación e asesoramento pertencen aos concellos que comprenden a área xeográfica que abarca desde A Coruña a Fisterra, sendo atendidas en Vieiro un total de 349 demandas presenciais e telefónicas. Delas, 42 foron consultas realizadas na sede da entidade, sendo atendidos 18 homes e 24 mulleres. A través de vía telefónica atendéronse un total de 176 chamadas, das que 58 foron realizadas por homes e 118 por mulleres.
No que se refire ao motivo das consultas, destacan en primeiro lugar, as referidas á solicitude e información sobre programas de prevención, seguido en segundo lugar das demandas relacionadas con pautas psicoeducativas de orientación a familias, seguidos moi de preto de as solicitudes de información sobre centros de deshabituación relacionadas sobre todo co consumo de cocaína e en menor medida, do alcol. Destas demandas un 62% foron realizadas por homes e un 38% por mulleres no que respecta á atención presencial, e un 35% de homes e 65% de mulleres na atención telefónica. Realizando a maior parte das consultas, as familias ou o/a propio/a interesado/a.
A cocaína foi a substancia máis consumida por parte das persoas que solicitaron información cun 44% dos casos derivados, seguida do alcol cun 28% e un 18% do cánnabis. O resto das porcentaxes repártese entre a ludopatía, heroína, tabaco e a adicción ás novas tecnoloxías nesta orde.
En canto a derivacións a centros terapéuticos e de deshabituación realizáronse un total de 21, sendo un 81% homes e un 19% mulleres que foron derivados na súa maioría á UCA de Carballo e a Proxecto Home da Coruña e Santiago. Tamén se derivaron algúns casos a outros centros de rehabilitación, como Agalure.
https://nhdiario.es/a-asociacion-vieiro-fai-balance-da-sua-xestion-sobre-o-ano-que-termina/?lang=gl
Comments