Bota unha ollada e participa nas actividades previstas arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Venres 20 de novembro do 2020
Este 25N terá un formato diferente, pero o mesmo contido reivindicativo. “A crise sanitaria non pode invisibilizar a nosa loita _sinala a concelleira de Igualdade, Maica Ures_ e como queremos que se vexa o rexeitamento social á violencia de xénero, convidamos á cidadanía a manifestarse o 25 de novembro ás 20:00 horas”. Este ano non nos reuniremos na Praza do Concello, pero todas e todos poderemos participar na mobilización a través do teléfono móbil ou do ordenador, simplemente entrando en www.carballo.gal ou nas redes sociais do Concello de Carballo. Por cada persoa participante aparecerá unha icona amosando a súa situación nun mapa, para poder ver cantas voces se escoitan contra as violencias e dende onde.
O día 25, o Concello de Carballo tamén se sumará á iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias para gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas por todas as vítimas da violencia machista. No contexto actual de crise sanitaria, este ano non se realizará un chamamento á participación cidadá, senón que se realizará unha concentración institucional para visibilizar o compromiso da sociedade carballesa coas vítimas.
Comments